Tanxugueiras elixe Pontevedra para iniciar a xira de presentación do seu novo traballo, Contrapunto
A provincia de Pontevedra será o escenario dos primeiros concertos de Tanxugueiras na xira de presentación do seu novo disco, Contrapunto, que se pode escoitar dende o pasado venres nas principais plataformas dixitais. O grupo conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, acompañadas de Isaac Palacín ás percusións, seguirá mantendo a enerxía que desbordan en directo nesta nova etapa, para a que deseñaron unha posta en escena moi coidada que se poderá ver por primeira vez en Mos e en Pontevedra.
O concerto de Mos terá lugar o vindeiro venres, día 29, ás 21.30 horas na sala Rebullón, para o que se poden adquirir as entradas na páxina web do grupo (www.tanxugueiras.com) e en www.enterticket.es. A segunda das paradas está enmarcada na programación do Culturgal e terá lugar o sábado 30 ás 18.30 horas cun showcase na carpa de actuacións da feira, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra. As Tanxugueiras estarán tamén asinando discos no posto de PlayPlan o venres 29 de 12.00 a 13.30 horas, o sábado de 19.30 a 20.30 horas e, por último, o domingo de 12.30 a 14 horas.
A xira inicial de presentación de Contrapunto continuará no mes de decembro con dous concertos, en Celanova (5 de decembro) e Burela (14 de decembro) nunha aposta por descentralizar os eventos culturais e manterse apegadas e presentes no territorio do que emana a tradición musical que inspira ao grupo. O últimos dos concertos iniciais previstos será en Santiago de Compostela o 2 de febreiro.
Para esta nova etapa, Tanxugueiras subirase aos escenarios non só con ganas de pasalo ben e a enerxía de sempre senón tamén acompañadas dunha posta en escena na que a iluminación ten un peso fundamental para achegar ao público ás historias que narran nas dez cancións que conforman Contrapunto. Un directo que busca que os e as espectadoras acompañen a Olaia, Aida e Sabela nun percorrido que comeza polas letras máis delicadas e íntimas do disco e que vai subindo de revolucións ata a máxima potencia que Tanxugueiras pode despregar no escenario. Así, o novo directo do grupo será tamén un bo exemplo da evolución musical que plasma o seu segundo disco, que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador e no que as tres asumiron á súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín.
Contrapunto é, polo tanto, a visión máis persoal dun grupo que aposta pola evolución da música tradicional pero partindo dende a recollida de letras populares. Con elas, Tanxugueiras fía cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, a deslealdade e a traizón, á liberdade política, a amizade, a vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou o desengano. O álbum está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais para a súa escoita, mentres que en tendas físicas e online estará á venda dende este venres 29 de novembro. Tamén se pode atopar á venda nos concertos do grupo.