Tanxugueiras aspira, por segundo ano consecutivo, a acadar o título de Mellor álbum en galego nos Premios MIN da Música Independente co seu segundo disco, Contrapunto, editado por Calaverita Records e PlayPlan.
Logo de gañar na pasada edición o mesmo galardón co seu primeiro álbum, Tanxugueiras, o grupo conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro aspira a acadar, de novo, o máximo recoñemento que concede a industria discográfica independente grazas a Contrapunto. Neste segundo traballo, no que asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración do percusionista Isaac Palacín, as pandereteiras plasman a evolución do seu sentir musical e exploran novos horizontes na música tradicional galega.
Os Premios MIN recoñecen a creación, diversidade e calidade artística das producións independentes que se publican ao longo do ano no estado, e que supoñen un 80% das novedades discográficas do sector musical español. En total, os galardóns contan con 21 categorías diferentes, en cuxo proceso de selección participa tanto o público xeral como un xurado profesional. Os premios, que contan co apoio, entre outras institucións, do INAEM, Fundación SGAE, Ayuntamiento de Madrid ou Comunidad de Madrid, visibilizan o traballo das e dos profesinais e artistas que autoeditan as súas creacións ou que as publican a través de sellos independentes. A cerimonia de entrega desta nova edición terá lugar o vindeiro 11 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid.
O recoñecemento de Contrapunto como finalista dos XII Premios MIN súmase á candidatura do segundo single do álbum, Perfidia, como Mellor Videoclip dos Premios Mestre Mateo que outorga a Academia Galega do Audiovisual (AGA). O traballo, no que o grupo fía un relato sobre a deslealdade e a ruptura da amizade, contou cun vídeo realizado en Pontevedra pola produtora Trece Amarillo e PlayPlan. A entrega de premios da AGA terá lugar o vindeiro 7 de marzo na cidade da Coruña.
A xira inicial de presentación de Contrapunto arrancou o pasado 29 de novembro en Mos e continuou por Celanova e Burela no mes de decembro. A proposta musical pasa por descentralizar os eventos culturais e manterse apegadas e presentes no territorio do que emana a tradición musical que inspira ao grupo. Así, despois de visitar as catro provincias galegas, o grupo continuará a súa serie de presentacións en novas localidades. A primeira cita terá lugar en Oleiros, no centro cultural A Fábrica, o sábado 15 de febreiro, dentro do ciclo Voces cálidas para noites de inverno. Un día antes, o venres 14, o grupo ofrecerá un showcase en acústico e sinatura de discos no espazo de presentacións da FNAC situado na praza de Lugo da cidade da Coruña.
De seguido, o grupo visitará no mes de marzo as localidades de Vilalba (venres 13), Monterroso (sábado 14, cun showcase en sesión vermú e sinatura de discos no marco da Feira do disco e libro galego) e Cangas (venres 27). A xira, da que avanzarán novas datas proximamente, tamén levará á banda a escenarios internacionais, con actuacións xa pechadas en países coma Bélxica ou Reino Unido.