Tanxugueiras convida a Vero Boquete, Cristina Pato, Pauliña, María Solar e Manolo González a conversar na iniciativa Mira unha cousiña…
A serie de encontros virtuais que as pandeireteiras manteñen con figuras do ámbito cultural e do lecer emítese todos os martes, ás 21.00 horas, nas redes sociais
As cantareiras sorprenderon esta fin de semana ao público do concerto de Rodrigo Cuevas en Vigo, no que acompañaron ao asturiano na interpretación da súa Muiñeira da filla da bruxa
Tanxugueiras comeza setembro incrementando a súa actividade nos palcos e na rede. O grupo inicia mañá, martes 1, unha nova rolda de conversas virtuais de Mira unha cousiña…, na que participarán nas vindeiras semanas figuras como a futbolista Vero Boquete, a música Cristina Pato, a escritora María Solar, a cantante Pauliña e o responsable do Chanfaina Lab, Manolo González.
Mira unha cousiña… naceu o pasado mes de xuño como continuidade dos Tanxuvermús celebrados no confinamento. A iniciativa, que se celebra semanalmente, propón abrir unha ventá ao mundo cultural e do lecer a través das voces das súas protagonistas, como xeito de achegar ao público aquelas propostas que chaman a atención das cantareiras ou que están de plena actualidade. A particular ollada de Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro é o punto de partida dunha conversa na que as artistas percorren a traxectoria da convidada e, con ela, analizan o contexto social ou a escena cultural galega. Ademais, o encontro da pé á realización dunha selección musical de temas que forman parte da recompilación Mira unha cousiña…, unha lista que se actualiza cada semana, coas achegas das convidadas, e que o público pode escoitar a través do perfil de Tanxugueiras na plataforma Spotify.
A primeira convidada deste mes é a cantante Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña, e que o pasado mes de marzo lanzou o seu disco A malfalada. Blues, country e rock son algúns dos estilos musicais que se dan cita nun disco que permiten á cambadesa dar a coñecer o seu talento. O martes 8 de setembro será a quenda dunha das figuras máis admiradas polo trío, como é a futbolista Verónica Boquete, embaixadora da UEFA e gañadora da Champions co FFC Frankfurt. A xogadora atópase arestora na cidade estadounidense de Salt Lake City, sede do seu actual equipo, o Utah Royals FC. Dende alí conectarase para conversar coas pandereiteiras sobre a súa traxectoria deportiva pero tamén sobre a situación do muller no mundo do deporte ou do papel das futbolistas de élite na loita polo recoñecemento da igualdade, entre outras cuestións.
Á semana seguinte, o martes 15, a música Cristina Pato conversará, tamén desde EE.UU, co grupo. A artista, que se deu a coñecer entre a industria musical e o público como gaiteira co lanzamento do álbum Tolemia (1999), conta cunha prolífica e intensa traxectoria como compositora, pianista e educadora, ademais de recoñecementos como a Medalla Castelao 2007 outorgada pola Xunta de Galicia. Tanxugueiras revisará con Pato a situación da muller e da cultura galega en ámbitos como a universidade ou a creación.
De cara ao 22 de setembro, a convidada será a xornalista e escritora María Solar. A autora de textos como O meu pesadelo favorito ou As horas roubadas falará con Tanxugueiras do galego na literatura infantil, xuvenil e adulta, ademais de anécdotas vinculadas a un dos seus libros máis coñecidos, Os nenos da variola, que conta cunha adaptación teatral de Pérez&Fernández na que Isabel Risco ten un papel protagonista.
A última conversa deste mes chegará o 29 de setembro co creador da escola de Imaxe e Son da Coruña, e impulsor de dous proxectos vinculados á localidade de San Sadurniño, como son Fálame de San Sandurniño e o Chanfaina Lab: Manolo González. O educador pechará o Mira unha cousiña… de setembro cun encontro no que Tanxugueiras quere recoñecer o labor dunha figura fundamental para o audiovisual galego e para a recuperación do patrimonio inmaterial da localidade da Ferrolterra.
NOVAS DATAS
Ademais da súa actividade na rede, Tanxugueiras segue a incrementar o seu calendario de actuacións para as vindeiras semanas. Logo de sorprender ao público asistente ao concerto de Rodrigo Cuevas no Festival Terraceo do Auditorio Mar de Vigo, no que as pandeireteiras colaboraron coa interpretación da Muiñeira da filla da bruxa , e de presentar Contrapunto no ciclo Solpores no Lagoeiro, na Casa do Lagoeiro (A Estrada), o trío prepara unha nova serie de concertos para despedir o verán desde os palcos. As vindeiras citas terán lugar o sábado 19 na localidade de Cerceda e o día 26 de setembro nunha nova edición do ciclo Sons da Terra, que se celebra no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Ademais, este mes terá lugar a participación do grupo no programa Galicia Emerxe da Xunta de Galicia, no que Tanxugueiras foi unha das 50 bandas seleccionadas para a gravación, e posterior emisión, dun concerto ao vivo durante o 2021, Ano Xacobeo.
Porén, a cancelación do ciclo de Directos Xacobeo’21 supuxo a suspensión do concerto previsto para este domingo 6 no Náutico de San Vicente do Mar, na localidade de O Grove. O público que adquiriu ditas entradas recibirá estes días un correo electrónico para formalizar a devolución do importe do seu pase.