A iniciativa virtual emítese todos os luns a partir das 21.00 horas a través da páxina web do grupo e do seu perfil oficial en Facebook.
Midas, o último tema das cantareiras, leva máis de 220.000 reproducións nas plataformas dixitais desde o seu lanzamento o pasado 5 de febreiro.
Tanxugueiras continúa coa difusión da súa particular ollada virtual sobre o mundo da cultura galega. Unha visión, se cabe, máis actual ca nunca. A serie de conversas Mira unha cousiña…, que as cantareiras emiten todos luns pola noite a partir das 21.00 horas a través do seu perfil oficial en Facebook e da súa páxina web, avanza na súa programación con cinco novos encontros con figuras do mundo cultural e lecer que este mes de marzo están a presentar os seus novos traballos. Como novidade, as conversas desta tempada pódense escoitar con posterioridade en plataformas como Ivoox ou Spotify
O director Jorge Coira, que acaba de estrear a segunda tempada de Hierro e prepara a rodaxe da longametraxe Proyecto Emperador, será o primeiro convidado de marzo. Na noite do luns 1, a partir das 21.00 horas, o de Rábade falará coas músicas dos seus novos proxectos audiovisuais, do tándem Coira-Tosar e de bandas sonoras imprescindibles. Na semana do 8M, o propio luns 8, as pandeireteiras achegaranse ao mundo do stoner, punk e rock da man de Anxela e Violeta, músicas do dúo Bala. Con elas falarán de Maleza, o novo traballo que o grupo coruñés lanzará o 14 de maio e do que acaba de prensentar o seu primeiro adianto Agitar.
De cara o luns 15 o convidado será o actor David Amor. O humorista, que comezou a súa carreira no programa O rei da comedia, é un dos rostros máis coñecidos no mundo da televisión pola súa participación en proxectos como El club de la comedia. Á semana seguinte, o día 22, Muerdo, o alter ego do poeta e compositor murciano Paskual Kantero, presentará o seu último traballo discográfico, La sangre del mundo, no que o cantante explora as sonoridades electrónicas pero sen perder as bases da música de raíz. O mes rematará cunha conversa o luns 29 con Noelia B. Rodríguez e Lora González, as responsables de Salsagaucha, o proxecto textil ourensano que nace no 2020 a raíz da confección de máscaras e que ten como referente estético a cultura galega.
Máis de 220.000 reproducións de Midas
Desde a súa estrea o pasado 5 de febreiro, Midas, o novo tema de Tanxugueiras suma máis de 220.000 reproducións nas distintas plataformas dixitais, entre as que destacan polo alto número de visualizacións en Youtube (máis de 116.000) e Spotify (máis de 65.000 escoitas). As cantareiras agradecen ao público a boa acollida do tema e avanzan que nos vindeiros meses haberá novos lanzamentos.
O grupo publica este venres 5 o tema, no que colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.
“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as músicas.
Este venres, 5 de febreiro, Tanxugueiras presenta o seu novo tema, Midas, unha enérxica peza na que o trío marca un punto de inflexión na súa traxectoria ao explorar a fusión da música de base tradicional con sonoridades e estilos máis modernos. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.
“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.
”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”
Videoclip con baile tradicional
O lanzamento deste venres 5 de febreiro acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional. O teaser está dispoñible desde o martes 2 en Youtube.
Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan. O vídeo, no que avaricia é protagonista, poderase ver tamén este venres na canle de Youtube do grupo.
Precisamente o bailador e músico Xisco Feijoó, que vén de lanzar o seu proxecto Peixe, será o vindeiro convidado do Mira unha cousiña…, as conversas virtuais que as creadoras manteñen con figuras do mundo da cultura e do lecer e que se emiten os luns, a partir das 21.00 horas, a través da web de Tanxugueiras e no seu perfil en Facebook.