TANXUGUEIRAS E FILLAS DE CASSANDRA RENDEN HOMENAXE Á NENEZ EN “QUEN É A QUE CANTA?”
Tanxugueiras e Fillas de Cassandra unen forzas e estrean o sinxelo Quen é a que canta?. O tema é un canto á nenez e ás relacións de amizade que crecen cómplices entre amigas, pero tamén ao descubrimento deses “monstros” e desas “fadas”. Nela, móstrase á infancia como un lugar tenro e sorpresivo, onde todo é novo e tamén, por ese mesmo motivo, desconcertante.
A colaboración supón unha unión artística moi esperada entre dúas das agrupacións musicais máis importantes de Galicia dos últimos tempos: Tanxugueiras son, a día de hoxe, un dos buques insignia da canción en galego, fixeron historia o pasado mes de decembro canso se converteron, no mes de decembro nas primeiras artistas galegas en encher o Coliseum da Coruña (9.000 persoas), e Fillas de Cassandra, pola súa banda, xa ostentan o título de artistas revelación do pasado 2023 e a súa proxección para este novo ano é máis que prometedora coa súa xira Últimas Dionisíacas.
“En Quen é a que canta? as nosas nenas internas mírannos con orgullo desde dentro, á vez que rendemos tamén homenaxe ás nosas nenas pasadas, ás que algún día fomos e que souberon soñar na soidade dos seus cuartos con todo o que agora somos e vivimos”, explican Aida, María, Olaia, Sabela e Sara. A idea do xogo de palmas, presente tanto na canción coma no video do que se acompaña, funciona aquí como “síntese dun tempo idílico que nos queda conxelado na memoria”, sinalan. “Fronte ao estrés, a ansiedade e os medos do mundo adulto, sobrevive ese recordo como un espazo seguro ao que volvemos para sandar e reconciliarnos con nós mesmas”, apuntan as artistas.
O tema anima a facer o exercicio de atoparse nos ollos da nena que fomos, e facernos sentir orgullosas do que somos hoxe. Así, neste novo tema, Tanxugueiras e Fillas de Cassandra dilúense como grupos para deixar paso a esas cinco nenas que, na súa individualidade, e xa adultas, unen as súas voces e cantan xuntas.
Quen é a que canta? puido escoitarse por vez primeira, ao vivo, no fin de xira de Tanxugueiras no Coliseum, ocasión na que Fillas de Cassandra subiron ao escenario e interpretaron con Aida, Olaia e Sabela o tema, por aquel entón aínda inédito. A canción volveu soar no hall do Mar de Vigo na estrea da xira Últimas Dionisíacas, o novo directo de María SOA e Sara Faro, e no que Tanxugueiras tamén estivo presente.
Tanxugueiras continúan así a súa prolífica etapa musical, publicando “Hoxe, mañá e sempre” xunto a Valeria Castro a finais de decembro. O tema, que xa superou o millón de reproducións, foi incluído en múltiples listas editoriais e estivo posicionado durante varias semanas na lista dos 50 máis virales de Spotify.
Ademais, o pasado 1 de marzo estreouse a serie de Amazon Prime Vídeo “Reina Roja”, que está a arrasar na plataforma de vídeo, e na que participan na súa banda sonora cunha versión de “No mires a los ojos de la gente” de Golpes Bajos que causou furor entre os espectadores, posicionando ao tema no Top 200 de Shazams en España desde o día do seu lanzamento
Neste 2024 as galegas conseguiron pasar á fase final de catro categorías (Canción do ano, Mellor videoclip, Mellor produción musical e Mellor letra orixinal) dos Premios MIN (os gañadores coñeceranse o próximo 17 de abril en Zaragoza), e contan con outros dúas nominacións nos Premios da Academia da Música (Mellor canción en galego e Mellor novo artista).
O trío arrinca nova xira para este 2024 con numerosas datas a nivel nacional e internacional. Estas son as primeiras paradas confirmadas para gozar do seu directo:
14/03 • MA Scène nationale – Théâtre de Montbéliard • (Francia)
1/04 • Festivalino • Pescueza (Cáceres)
13/04 • ZEID Fest • Barakaldo (Bizkaia)
14/05 • Rivas Vaciamadrid • Madrid
25/05 • Ouren Sound Fest • Benposta (Ourense)
10 a 13/07 • Pirata Beach Fest • Gandía (Valencia)
1 ao 3/08 • SonRías Baixas • Bueu (Pontevedra)
6 a 8/09 • Festival Osa do Mar • Burela (Lugo)
12 a 15/09 • Festival Revenidas • Vilaxoán, Vilagarcía (Pontevedra)