Tanxugueiras actuarán este domingo ás 21.30 horas no escenario da Praza de Santa María

Sabela Maneiro: “Temos que romper co tema celta, aínda que si que ten unha parte da música tradicional. Se escoitas unha pandereteira soa a percusión africana coa que empezas a entrar en trance, a zonas da India… Non nos damos conta de que temos un estilo de música non só superbonito, senón que ademais é o noso e é único no mundo”

Chegan a Lugo directas dende o estudio. Que traman?
Aínda non o sabemos moi ben porque este disco foi unha tolería nosa. É un cambio total con respecto ao primeiro, vai soar moi á terra pero tamén moi moderno porque é o que nós vivimos ou escoitamos na radio. O que pasa é que podemos cantar calquera tema pop e vai soar tradicional.

Cando verá a luz?
Estamos plantexando varias datas, pero queremos que saia en novembro.

O público de San Froilán escoitará algún adianto deste traballo?
En Lugo queremos pechar co disco que temos feito porque é moi distinto ao que facemos agora, pero igual cae algunha pinceladiña.

Eran tres amigas que quedaban para cantar e acabaron xirando polo mundo. Queda algo daquelas tres persoas?
Seguimos sendo as tres rapazas que comparten todo, que van xuntas a clase de música ou ao ximnasio. Non somos conscientes de toda esa voráxine que se creou a partir de Tanxugueiras. E máis sendo cantareiras, xa que parte da xente que estuda música non nos considera músicas.

Que me di!
Na sociedade tense o clixé de que as pandereteiras nin saben cantar nin producir a súa propia música. Ou que non temos coñecementos nin educación sobre a música tradicional. Podes estudar moitas cousas pero a música tradicional aínda se ve como algo de vellos. Xabier Díaz, un referente brutal como músico e arranxista, está conseguindo mudar ese concepto, pero hai esa historia coas pandereteiras. Nós intentamos romper ese estigma.

A pesar dese rexeitamento, non é pouca a xente que vos apoia.
Si, hai moita xente que nos valora. Non nos damos conta de que temos un estilo de música que non só é superbonito, senon que ademais é noso. Só o temos aquí e fóra valórano porque é único. Se a xente soubera os festivais de músicas do mundo que hai no planeta empezarían a traballar máis no tradicional. Incluso a nivel España, que parece que só existe o flamenco e hai moitos festivais no territorio español que si apostan pola música tradicional galega. Tamén hai que romper co tema celta da música tradicional, aínda que si ten unha parte celta. Se ti escoitas a unha pandereteira o que menos pensas é “que celta é esto”. Soache a esa percusión africana coa que empezas a entrar en trance, a zonas da India, a partes da península Ibérica… Temos moita diversidade.

Cando un canta para divertirse, imaxino, mestúranse no produto influencias diversas.
En Galicia houbo unha emigración brutal e un retorno. O que é daquí é a muiñeira, pero tamén se toca a xota, a rumba ou a mazurca, e todo eso veu de fóra. Esa emigración forzada, con todos os aspectos negativos que tivo, deixou unha pegada positiva na cantidade de ritmos que temos. E grazas a moita xente que realizou traballos etnográficos, indo porta por porta, temos esa variedade tan amplia de cancións e letras. É unha pasada.

É difícil popularizar ese coñecemento?
É moi doado. Empezando pola educación nas escolas e seguindo polos medios de comunicación. Sábese un pouquiño pero hai moitos grupos galegos xirando por fóra e non se coñecen. Despois hai que perder o medo e coidar este coñecemento. Nós loitamos para que se manteña e se modernice. O jazz ou o blues foron músicas tradicionais que evolucionaron para chegar ao público máis novo. Sempre poño o exemplo de que cando chegaron as radios ás casas aquí en Galicia, chegou a copla e as rapazas máis novas cantaban as cantigas tradicionais pero con toque de copla. Temos que perder o medo a evolucionar, o tradicional está aí e hai unhas escolas e asociacions que teñen que coidar o que se facía e o como, pero o que faga calquera grupo ou persoa de introducir as influencias que ten é positivo. E eso é o que queremos facer neste segundo disco.

Sinten máis responsabilidade?
Algo de medo pode ser, pero é un medo bonito. Pasa en todas as profesións cando afrontas un novo reto e tes cóxegas no estómago de ver como sae. Tamén nos preguntan se temos medo a que aparezan outras pandereteiras novas e cousas así. Oxalá que saian moitos grupos novos! Esto é coma quen ten un bar, se se montan máis non é que paren de tormar o vermú no meu, senon que paran nos dous.