A enerxía de Tanxugueiras estará de novo sobre os escenarios dende o mes de novembro. A formación, que levou o seu disco de debut por máis de 100 puntos da xeografía galega e do estado, contando inclusive con saídas internacionais a Portugal, Reino Unido, a India, Cuba ou Suíza, conectará de novo co público con catro concertos iniciais de presentación de Contrapunto, un por cada provincia galega. Estas actuacións levarán a música de Tanxugueiras a Mos (29 de novembro), Burela (14 de decembro) e Celanova (5 de decembro), nunha aposta por descentralizar os eventos culturais e estar presentes no territorio do que emana a tradición musical que inspira ao grupo, e tamén a Santiago de Compostela (2 de febreiro).

A venda de entradas para estas primeiras actuacións confirmadas comezará o vindeiro luns 28 de outubro. Poderán adquirirse na páxina web do grupo (www.tanxugueiras.com) e en www.enterticket.es.

Contrapunto amosa unha concepción máis madura e completa do son de Tanxugueiras no que as voces e a percusión son as protagonistas e no que se reitera o seu apego pola música de baile e da tradición das pandereteiras. Neste traballo, o trío amplía unha vez máis os confíns da música tradicional e a sitúa nun escenario actual no que pode competir con ritmos pop e indie. O disco recolle dez temas cuxas letras afondan na transmisión de diferentes sentimentos e situacións nas súas dúas caras, a máis positiva e a máis amarga.