Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro plasman no seu segundo álbum a súa evolución musical para sorprender cun relato maduro, cheo de matices e renovador.

O segundo disco de Tanxugueiras, ​Contrapunto​, pódese escoitar dende hoxe nas principais plataformas dixitais. Despois de lanzar dous adiantos, as cancións ​Desposorio e ​Perfidia acompañados de sendos videoclips, o grupo volve aos escenarios cun proxecto moi persoal no que explora os límites da música tradicional a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. Na intención de ​Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada pasos e acadar novos escenarios. ​Contrapunto é, polo tanto, ​un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado​. O álbum está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais para a súa escoita, mentres que en tendas físicas e ​online estará á venda dende o 29 de novembro. Tamén se pode atopar á venda nos concertos do grupo e no Culturgal, onde ofrecerán un ​showcase​ o día 30.

Co seu primeiro traballo, ​Tanxugueiras​, percorreron máis de 100 escenarios e iniciou unha proxección internacional que as levou a actuar na India, en Suíza, en Cuba ou Escocia e colaborar con grupos como Shooglenifty, Xabi Aburruzaga, Nao ou Esne Beltza. Unha actividade que lle valeu recoñecementos, premios e algunha candidatura máis como a de
mellor vídeo nos Scots Trad Music Awards pola seu traballo precisamente coa formación escocesa Shooglenifty e que se resolverá a comezos de decembro. Agora, con Contrapunto​, Tanxugueiras busca novos horizontes. O disco parte do traballo de Sabela, Aida e Olaia para avanzar nun son propio e plasmar a evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. Así, Tanxugueiras asumiu nesta ocasión a definición tanto artística como musical de ​Contrapunto​, no que tamén contaron coa
coprodución do músico Isaac Palacín. Todos estes elementos conxúganse para facer agromar un novo concepto: ​o ​trad, un selo característico entre a tradición e as novas formas da cultura urbana​.

A maneira con que Tanxugueiras reinterpreta a música tradicional deixase notar nas letras cos dez temas que forman o álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan. Son palabras recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que Tanxugueiras combina para construír un relato actual de diferentes sentimentos e situacións vitais, coas súas cara
e a súa cruz. Así, ​o disco enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo​. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como ​Desposorio (o primeiro ​single do álbum), ​Irmandade e ​Maltraer​, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que
se atopan en ​Perfidia​. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de ​Autocracia​, unha crítica á ditadura, ou as de ​Malquerenza​ sobre o desengano .

Este contraste de situacións trasládase tamén ao deseño do disco, obra de Sonia García, representado por un corvo femia. Un paxaro que é símbolo de impureza e maldade, presaxio de malos augurios en culturas mediterráneas e na tradición cristiá pero que se idolatra noutras latitudes como na cultura dos países nórdicos, Siberia ou Alaska e tamén no budismo.

As protagonistas en ​Contrapunto volven ser as voces e as pandeiretas e a proximidade á música de baile. Unha concepción que se deixará notar tamén ​nos novos directos do grupo, deseñados ao detalle para levar ao público da intimidade á euforia​. E non haberá que esperar moito para gozar deste novo espectáculo: Tanxugueiras dará catro concertos iniciais de presentación do seu segundo disco, un por provincia, que comezan xa.
O venres 29 chegará a primeira oportunidade, que será en Mos, e despois continúan o 5 de decembro en Celanova, o 14 en Burela e o 2 de febreiro na sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para estas actuacións están xa á venda e pódense adquirir na páxina web do grupo e en​ ​www.enterticket.es​.

A primeira ocasión na que se poderá escoitar o novo son das Tanxugueiras será este sábado 23 en Bilbao. O trío acompañará á Xabi Aburruzaga na presentación do seu último traballo, ocasión que dará pé a que o ​trad e a revolución da música tradicional galega exploren tamén terras vascas.