A xira ​Contrapunto terá este domingo a súa cuarta parada en Compostela. Tanxugueiras presentará en directo, ante o público da Sala Capitol, os temas do seu último traballo, ​Contrapunto​, ​a visión máis persoal dun grupo que aposta pola evolución da música tradicional pero partindo dende a recollida de letras populares. ​O grupo, conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, regresa nesta nova etapa cunha posta en escena moi coidada e rebordante de enerxía. ​As entradas para o concerto pódense adquirir a través de ​www.tanxugueiras.com​ ou da plataforma Enterticket.

A partir das 20.00 horas, as Tanxugueiras subiranse ao escenario cunha posta en escena na que a iluminación ten un peso fundamental para achegar ao público ás historias que narran nas dez cancións que conforman ​Contrapunto​. Un directo que busca que os e as espectadoras acompañen a Olaia, Aida e Sabela nun percorrido que comeza polas letras máis delicadas e íntimas do disco e que vai subindo de revolucións ata a máxima potencia que Tanxugueiras pode despregar no escenario. Así, o novo directo do grupo será tamén un bo exemplo da evolución musical que plasma o seu segundo disco, que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador; e no que as tres asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Palacín.

Nesta nova cita tamén contarán co apoio do músico Xabi Aburruzaga, quen abrirá a festa contra ás 19.30 horas, nunha actuación na que interpretará algúns temas do seu novo traballo, Bost, ​e con algunha sorpresa máis durante o concerto. A deste domingo será a segunda ocasión na que Tanxugueiras e Aburruzaga colaboren nos últimos meses, logo da participación das galegas na presentación do disco do vasco o pasado 23 de novembro no Kafe Antzokia de Bilbao.