A xira inicial de presentación de ​Contrapunto arrancou o pasado 29 de novembro en Mos e continuou por Celanova e Burela no mes de decembro. A proposta musical pasa por descentralizar os eventos culturais e manterse apegadas e presentes no territorio do que emana a tradición musical que inspira ao grupo. Así, despois de visitar as catro provincias galegas, o grupo continuará a súa serie de presentacións en novas localidades. A primeira cita terá lugar en ​Oleiros​, no centro cultural A Fábrica, o sábado 15 de febreiro, dentro do ciclo ​Voces cálidas para noites de inverno​. Un día antes, o venres 14, o grupo ofrecerá un showcase en acústico e sinatura de discos no espazo de presentacións da FNAC situado na praza de Lugo da cidade da​ Coruña.

De seguido, o grupo visitará no mes de marzo as localidades de ​Vilalba (venres 13), Monterroso ​(sábado 14, cun showcase en sesión vermú e sinatura de discos no marco da Feira do disco e libro galego) e ​Cangas (venres 27). A xira, da que avanzarán novas datas proximamente, tamén levará á banda a escenarios internacionais, con actuacións xa pechadas en países coma Bélxica ou Reino Unido.