​A proposta do grupo Tanxugueiras para levar mellor o confinamento á hora do aperitivo, o Tanxuvermú, comeza este luns a súa segunda e definitiva semana, que incorpora ao seu cartel os nomes de Guadi Galego, Pilar García Rego e os youtubeiros ​O Aquele​ e ​Olaxonmario​.

Desde o pasado sábado 28 as pandereteiras levan a cabo unha serie de conversas abertas ao público a través da canle ​www.youtube.com/tanxugueiras (a canle oficial do grupo en Youtube) con artistas, xornalistas e axentes vinculados ao mundo cultural e musical. Estes encontros virtuais teñen lugar á hora do aperitivo, contra ás 13.00 horas, e dan pé a unha conversa na que se aborda, dun xeito distendido e próximo, unha situación excepcional. Ao longo deste encontro, de media hora de duración, as pandereteiras e os seus convidados achegan como están a vivir estes días, á vez que realizan xogos con letras tradicionais, propoñen actuacións ao vivo ou responden preguntas do público.

Esta semana a serie de conversas arrincará este luns, co asturiano ​Rodrigo Cuevas de convidado, e dará paso, nos vindeiros días, a encontros coas cantantes ​Sabela Ramil (martes 7) e ​Guadi Galego (domingo 12), coas xornalistas ​Teresa Cuíñas ​(mércores 8) e Pilar García Rego ​(sábado 11), co humorista ​Xosé A. Touriñán (xoves 9) e os youtubeiros
O Aquele e Olaxonmario (venres 10). As conversas poderanse consultar tamén a posteriori na propia canle de Youtube do grupo.

Así, en ​www.youtube.com/tanxugueiras​, o público xa pode rememorar as charlas, xogos e preguntas que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro fixeron esta primeira semana ao presentador ​Xosé Ramón Gayoso ou o actor ​Carlos Blanco; ademais dos músicos Rubén Lino (Poetarras), ​Rubén Sierra (La Pegatina), ​Monoulious DOP​, ​Verto ​e ​Anusha Ramasubramoney (que se atopa na India e acompañou ao grupo na súa xira polo país asiático). Estes días tamén participaron o divulgador musical Pepe Cunha​, do portal Ábrete de orellas, e ​Alex Hohmann​, quen foi técnico de son de Amparanoia, 08001 ou La Kinky Beat e que agora percorre o mundo en bicicleta cun fin solidario.

X