• A serie de encontros virtuais Mira unha cousiña… que as pandeireteiras manteñen semanalmente con figuras do ámbito cultural e do lecer a través das redes sociais trasládase a partir da semana que vén ao luns, pero manterá o seu horario de emisión habitual, ás 21.00 horas.

  • O encontro desta noite abordará o proxecto documental Non hai espellos nos manicomios. Antonio Tizón: Biografía dunha superación, da man do seu propio protagonista e do director, Aser González.

Tanxugueiras inicia o outono con novas citas virtuais do Mira unha cousiña…, a serie de conversas que as cantareiras manteñen con figuras do mundo cultural e do lecer a través das redes sociais como xeito de achegar ao público aquelas propostas que chaman a súa atención. Concretamente, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro abordarán a situación que están a vivir as e os profesionais do sector da música no contexto actual da man de dúas das voces máis recoñecidas e consolidadas da escena galega: Uxía e Silvia Penide.

Ademais, Tanxugueiras achegarase a outras olladas ou perspectivas de actualidade. A primeira das novas citas terá lugar esta noite, ás 21.00 horas. Co gallo da celebración do Día Internacional da Saúde Mental o sábado 10 de outubro, as pandeireteiras convidan a Antonio Tizón e Aser González a conversar arredor do proxecto documental Non hai espellos nos manicomios. Antonio Tizón: Biografía dunha superación. A proposta, que se constrúe arredor da poesía, do vídeo ou da música, ten unha dobre vertente social e artística arredor da enfermidade mental e o proceso de superación a través da figura de Tizón, quen padece un trastorno bipolar. “Esta é unha historia que se conta en primeira persoa e que destrúe moitos prexuízos arredor da saúde mental”, apunta Aser González, director da proposta multimedia.

A partir da semana que vén Tanxugueiras mudará o día de encontro co público, que pasará dos martes aos luns. Este cambio de convocatoria virtual do Mira unha cousiña… farase efectivo na segunda metade de outubro e con dúas propostas moi especiais: dous referentes musicais para elas, dúas das voces máis relevantes e singulares do panorama creativo galego, como son as cantantes Silvia Penide (luns 19) e Uxía Domínguez Senlle (luns 26 de outubro). Precisamente con Uxía as cantareiras colaboraron recentemente, xunto a Faia, na canción A fala, un tema colectivo que se estreou o pasado mes de maio coa idea de “desconfinar a lingua”. Todas as conversas de Mira unha cousiña... emítense a través dos perfís de Tanxugueiras nas redes sociais Facebook, Instagram e Youtube, canles nas que quedan á disposición do público para a consulta logo da súa emisión.

X