O grupo publica este venres 5 o tema, no que colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.

“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as músicas.

Este venres, 5 de febreiro, Tanxugueiras presenta o seu novo tema, Midas, unha enérxica peza na que o trío marca un punto de inflexión na súa traxectoria ao explorar a fusión da música de base tradicional con sonoridades e estilos máis modernos. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.  

Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.

”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”

Videoclip con baile tradicional

O lanzamento deste venres 5 de febreiro acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional. O teaser está dispoñible desde o martes 2 en Youtube.

Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan. O vídeo, no que avaricia é protagonista, poderase ver tamén este venres na canle de Youtube do grupo.

Precisamente o bailador e músico Xisco Feijoó, que vén de lanzar o seu proxecto Peixe, será o vindeiro convidado do Mira unha cousiña…, as conversas virtuais que as creadoras manteñen con figuras do mundo da cultura e do lecer e que se emiten os luns, a partir das 21.00 horas, a través da web de Tanxugueiras e no seu perfil en Facebook.

X