BIOGRAFÍA
TANXUGUEIRAS
a (r)evolución da música tradicional galega
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.
Ao Vivo
Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo
show. Nel mostrarase a nova sonoridade creada pola banda, da que xa deron parte en directo en Manresa, Castellón, ou Porto e Setúbal (Portugal).
Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”




Recoñecementos e Mencións
- XIX Premios La Opinión de Música de Raíz 2020 (Mellor adaptación dunha peza tradicional)
- World Music Charts Europe 2020 (20 mellores discos de World Music en maio de 2020)
- Certame aRi(t)mar Galiza e Portugal 2019 (Mellores Músicas de Galiza 2019)
- Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego 2019 (Finalistas Mellor videoclip por Perfidia)
- Scots Trad Music Awards 2019 (Finalistas na categoría de Mellor vídeo con Shooglenifty)
- Premios MIN de la Música Independiente 2019 (Finalistas Mellor álbum galego)
- Premios Martín Códax da Música 2019 (Mellor grupo de Música tradicional e folk)
- Premios MIN de la Música Independiente 2018 (Mellor álbum galego)
DISCOGRAFÍA
Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, o trío inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. No 2019 chega Contrapunto, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas.
Xa no 2021, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro comezan a explorar con curiosidade -coa colaboración do produtor Iago Pico- a fusión da tradición e a potencialidade das súas voces con sonoridades urbanas e modernas, ata converterse no que son hoxe en día: unha das propostas máis innovadoras, auténticas e sorprendentes do país. As cantareiras darán boa conta da súa nova proposta neste 2022 coa “Xira Midas”
- AVERNO | Single (2022, PlayPlan | Calaverita Records)
- TERRA | Single (2022, PlayPlan | Calaverita Records)
- CODA | Single (2022, PlayPlan | Calaverita Records)
- FIGA | Single (2021, PlayPlan | Calaverita Records)
- MIDAS | Single (2021, PlayPlan | Calaverita Records)
- Contrapunto (2019, PlayPlan | Calaverita Records)
- Tanxugueiras (2018, Seispés Producións Creativas)