Caamaño&Ameixeiras une forzas con Tanxugueiras para estrear “Ghatiña Mansa”, esperadísima simbiose entre dúas das propostas artísticas que mellor representan a cultura musical galega actual e que dende hoxe está dispoñible en todas as plataformas.
Desta unión entre as cinco mulleres nace “Ghatiña Mansa”, un tema que ve a luz na semana do Día das Letras Galegas que rende homenaxe a esas cantareiras e pandeireteiras que dignificaron, resignificaron e mantiveron viva a tradición oral galega. Así, a canción recolle o seu legado para continualo. Baseándose en frases concretas de coplas tradicionais de todas esas mulleres que, a golpe de voz e pandeireta, fixeron comunidade e construíron as raíces do patrimonio musical popular galego, Caamaño&Ameixeiras e Tanxugueiras constrúen a súa propia historia, sempre tomando como base a súa lírica e a súa forma de estruturar as propias coplas.
“Ghatiña Mansa” reflexiona na súa letra sobre a solteiría como forma de resistencia fronte á lóxica do amor romántico e o parellocentrismo. É unha invitación para transcender as presións sociais que non nos pertencen, pero que aínda existen, de forma anacrónica. E tamén un toque de atención aos expertos aos que ninguén preguntou e a eses seres co vicio de gobernar a vida aos demais. Opinadores do mundo: os santos xa están vestidos e o arroz no seu punto perfecto. Quedade tranquilos.
Con este tema, Caamaño&Ameixeiras continúa a exploración do universo ritual popular galego, que xa iniciaran no seu segundo traballo, “Quitar o aire”. En concreto, esta canción recolle algúns dos numerosos ritos que existen na nosa tradición para casar, para logo deconstruílos, utilizando a súa carga simbólica para evidenciar a presión que existe ao redor da procura de parella como ideal vital nunha sociedade que vira ao redor diso.
Caamaño&Ameixeiras vén de presentar no 2024 o seu último traballo discográfico, “Quitar o aire”, nunha xira que acumulou máis de 60 concertos e que chegou ata países como Austria, Portugal, Bélxica, Francia ou Países Baixos. Tras o éxito de “Catro Cousas” xunto a Rodrigo Cuevas, “arderse” con Fillas de Cassandra, e co novo tema que estrean hoxe con Tanxugueiras, o dúo mantén neste 2025 a súa forte aposta musical. A isto súmase o seu gran carácter internacional, tras realizar concertos en Escocia, Francia e Portugal durante os primeiros meses do ano, así como diversas datas nacionais xunto a Girando por Salas (GPS), e coa vista posta en novos concertos a nivel europeo, estatal e galego. As próximas paradas son:
17/05 · Ruada nun mar de letras ·Malpica (A Coruña)
23/05 · Festival de Cans · O Porriño (Pontevedra)
30/05 · Es Claustre · Maó (Menorca) GPS
31/05 · Festivala · Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
20-21/06 · Trece Roeis Fest · Pantón (Lugo)
28/06 · Maraxes da Osa · Burela (Lugo)
13/07 · Festival SoNna Huesca · Ballobar (Huesca)
19-21/09 Festival Berguedà Folk · Gironella, Barcelona
Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. O grupo galego abriu de par en par as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, colleitando éxitos, recoñecementos e grande visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folclore e dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.
No seu haber contan con concertos masivos e históricos como o do Coliseum da Coruña, sendo o primeiro grupo en galego en acadar o fito de facer sold out no maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado. Tamén os acontecidos no Auditorio de Castrelos ante 40.000 asistentes ou o da praia de Riazor no Festival Noroeste Estrella Galicia, ante 80.000 persoas, considerado un dos concertos máis multitudinarios da historia en Galicia. O seu transcende a música en directo, cun álbum, Diluvio, que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e que alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento.
Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado. O seu novo directo, englobado baixo a xira AntesD, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal. Neste 2025 pecharán a súa xira cos últimos concertos que as levarán de novo por toda a península, amosando a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e directos.
O lanzamento de Pedindo Perdón ou as súas colaboracións xunto a Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ marcaron esta última etapa na que o grupo expandiu a súa influencia a novos fitos, nos que destacan a súa participación en La Velada del Año, do recoñecido streamer Ibai, ante un Santiago Bernabeu cheo e millóns de espectadores na retransmisión en vivo; ou a interpretación do himno galego no estadio de Balaídos durante a volta tras case unha década da selección galega de fútbol. Desta forma, o grupo está a encarar un ano 2025 no que esperan seguir facendo historia para a música de raíz e as linguas oficiais. Estas son as próximas datas:
24/05 · Envero Fest · Aranda de Duero (Burgos)
29/05 · Praza da Quintana · Santiago de Compostela
31/05 · Festivala: Mulleres Creando · Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
11/07 · BIGSOUND Pontevedra · Pontevedra
26/07 · Festival Intercéltico do Morrazo · Moaña (Pontevedra)
08/08 · Festa da Carballeira · Zas (A Coruña)
Ambas formacións son finalistas nos premios da Academia de la Música, na categoría “Mellor canción en galego”. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o 4 de juño.