O videoclip, dirixido por Trece Amarillo, xa está dispoñible na canle de Youtube das pandeireteiras
O filme, o máis cinematográfico dos lanzados polas cantareiras, rodouse no mes decembro en distintas localizacións das Rías Baixas e Santiago de Compostela
Non hai fronteiras para a música tradicional asinada por Tanxugueiras. O trío de pandeireteiras conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro vén de estrear Averno, o seu novo sinxelo, no que o grupo colabora, por vez primeira, co rapeiro madrileño Rayden. O tema, editado por PlayPlan Cultural e Calaverita Records, formará parte do novo disco que Tanxugueiras lanzará neste 2022.
En Averno Tanxugueiras dá unha nova volta a súa reformulación das músicas de creación colectiva e aposta por conxugala, de novo, con sonoridades urbanas, seguindo a liña dos seus últimos lanzamentos (Midas, Figa, Telo, Terra). Neste caso, as cantareiras poñen sobre a mesa a mestura da tradición co rap achegando unha proposta rítmica precisa e marcada. Ritmos da terra, como a muiñeira, e o rap, que leva o flow incorporado conflúen nun tema dinámico e potente.
“Averno nace como unha declaración de intencións respecto á raiba, un sentimento que, en maior ou menor medida, é común para todas as persoas”, sinala o grupo. “Esa raiba persistente, común ás distintas xeracións e que, dalgún xeito, ou nalgún momento, segue a existir en todas nós”, engaden. A expresión e liberación desa ira contida, dun xeito máis lírico e desde a música tradicional, é a proposta desta nova composición, na que as líricas de creación propia e popular conviven e incorporan tamén os versos de Rayden.
O video máis cinematográfico
O tema acompáñase dun impactante videoclip dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara), producido por PlayPlan Cultural e que se rodou en distintas localizacións das Rías Baixas e Santiago de Compostela. Nas súas 12 primeiras horas de exhibición, Averno suma máis de 100.000 reproducións en Youtube e lánzase como a creación audiovisual máis cinematográfica das presentadas até o momento polas cantareiras. Sabela, Aida, Olaia e Rayden son as protagonistas dun traballo no que a tradición ten unha forte presenza alén do vestiario ou da xoiería, que mantén o sapo como elemento central mais nesta ocasión incorpora tamén a figura dun imponente peliqueiro, unha das figuras máis recoñecidas do entroido galego, e quen se presenta no averno para “cobrar” as iras e raibas.
Precisamente Tanxugueiras e Rayden atópanse esta semana en Benidorm para participar na primeira edición deste certame organizado por RTVE, no que a banda ou artista gañadora participará no mes de maio en Eurovisión. As pandeireteiras actuarán mañá, sábado 29, na final do festival, logo de contar co masivo apoio do público na presentación, ao vivo, do seu sinxelo Terra.