Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro plasman no seu segundo álbum a súa evolución musical para sorprender cun relato maduro, cheo de matices e renovador.
O segundo disco de Tanxugueiras, Contrapunto, pódese escoitar dende hoxe nas principais plataformas dixitais. Despois de lanzar dous adiantos, as cancións Desposorio e Perfidia acompañados de sendos videoclips, o grupo volve aos escenarios cun proxecto moi persoal no que explora os límites da música tradicional a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. Na intención de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada pasos e acadar novos escenarios. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado. O álbum está xa dispoñible nas principais plataformas dixitais para a súa escoita, mentres que en tendas físicas e online estará á venda dende o 29 de novembro. Tamén se pode atopar á venda nos concertos do grupo e no Culturgal, onde ofrecerán un showcase o día 30.
Co seu primeiro traballo, Tanxugueiras, percorreron máis de 100 escenarios e iniciou unha proxección internacional que as levou a actuar na India, en Suíza, en Cuba ou Escocia e colaborar con grupos como Shooglenifty, Xabi Aburruzaga, Nao ou Esne Beltza. Unha actividade que lle valeu recoñecementos, premios e algunha candidatura máis como a de mellor vídeo nos Scots Trad Music Awards pola seu traballo precisamente coa formación escocesa Shooglenifty e que se resolverá a comezos de decembro. Agora, con Contrapunto, Tanxugueiras busca novos horizontes. O disco parte do traballo de Sabela, Aida e Olaia para avanzar nun son propio e plasmar a evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. Así, Tanxugueiras asumiu nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Todos estes elementos conxúganse para facer agromar un novo concepto: o trad, un selo característico entre a tradición e as novas formas da cultura urbana.
A maneira con que Tanxugueiras reinterpreta a música tradicional deixase notar nas letras cos dez temas que forman o álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan. Son palabras recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que Tanxugueiras combina para construír un relato actual de diferentes sentimentos e situacións vitais, coas súas cara e a súa cruz. Así, o disco enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio (o primeiro single do álbum), Irmandade e Maltraer, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que se atopan en Perfidia. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de Autocracia, unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza sobre o desengano .
Este contraste de situacións trasládase tamén ao deseño do disco, obra de Sonia García, representado por un corvo femia. Un paxaro que é símbolo de impureza e maldade, presaxio de malos augurios en culturas mediterráneas e na tradición cristiá pero que se idolatra noutras latitudes como na cultura dos países nórdicos, Siberia ou Alaska e tamén no budismo.
As protagonistas en Contrapunto volven ser as voces e as pandeiretas e a proximidade á música de baile. Unha concepción que se deixará notar tamén nos novos directos do grupo, deseñados ao detalle para levar ao público da intimidade á euforia. E non haberá que esperar moito para gozar deste novo espectáculo: Tanxugueiras dará catro concertos iniciais de presentación do seu segundo disco, un por provincia, que comezan xa.
O venres 29 chegará a primeira oportunidade, que será en Mos, e despois continúan o 5 de decembro en Celanova, o 14 en Burela e o 2 de febreiro na sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para estas actuacións están xa á venda e pódense adquirir na páxina web do grupo e en www.enterticket.es.
A primeira ocasión na que se poderá escoitar o novo son das Tanxugueiras será este sábado 23 en Bilbao. O trío acompañará á Xabi Aburruzaga na presentación do seu último traballo, ocasión que dará pé a que o trad e a revolución da música tradicional galega exploren tamén terras vascas.