Nun 17 de maio, Día das Letras Galegas, Tanxugueiras rende a súa persoal dedicatoria ás pandeireteiras e á poesía popular oral, homenaxeadas este ano. Así, reinterpretaron “Meu Amor”, canción de Leilía, unha das maiores referencias para o grupo e precursoras en normalizar e poñer o foco no uso de pandeiretas sobre un escenario. A elección do tema non é aleatoria, xa que é considerado como un dos temas máis influentes do xénero, sendo as súas intérpretes unha das culpables de que Tanxugueiras quixese dedicarse á música. O grupo dedica esta canción a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define.
A peza audiovisual que acompaña a esta versión é a representación da unión entre elas tres coa música tradicional, entrelazando as súas trenzas e acomodándose a unha sobre a outra para simbolizar esa comodidade e seguridade que senten ao estar acompañadas. O espazo diáfano e frío contrasta coa calidez das súas voces, non sendo preciso máis para encher grandes lugares.
Nas súas propias palabras: “O vídeo significa que hai algo que nos une entre nós as tres, que é a tradición, a música tradicional, a nosa cultura, e non hai nada máis tradicional que un “carrapito”, nome que se outorga a esa trenza que se pode ver nas imaxes. Neste caso, quixémonos entrelazar entre nós para simbolizar esa unión e ese vínculo pola música tradicional. Ademais, o acto de coller as trenzas e ir buscando un sitio no colo da compañeira significa buscar un espazo na outra para descansar, que moitas veces é xusto o que precisamos. En definitiva, un sitio seguro que normalmente nos da a nosa xente, para poder durmir, descansar e pasar todos os males aí”.
O vídeo, obra de Trece Amarillo, foi rodado en Expo Coruña, espazo que colaborou para a gravación da peza. A execución da mesma desenvólvese nun único plano secuencia que xira ao redor de Tanxugueiras. Visualmente buscouse dar protagonismo a elas tres sen perder de vista o espazo que as rodea, un lugar amplo e simétrico que reafirma a forza e o simbolismo da súa presenza en plano. A posta en escena, sinxela pero coidada, potencia a conexión entre elas dentro dunha contorna case baleira, xerando un contraste visual no que se lles ve pequenas, pero xuntas e unidas nesa inmensidade.
O vídeo conta coa dirección de movemento a cargo do coreógrafo Arnau Pérez, que introduciu movementos coreografiados que buscan transmitir á peza a delicadeza e o coidado co que o grupo trata a tradición, emitindo un impacto visual que visibilice a súa unión e os coidados dunhas a outras, valores que o grupo extrae da súa experiencia neste eido.
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Con esta elección a RAG quere recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.