O xornalista Alberte Mera, creador de Reboiras. Acción e corazón, participa mañá en Mira unha cousiña…, a serie de encontros virtuais con persoeiros do ámbito cultural que o grupo emite os martes, ás 21.00 horas, a través das redes sociais
Patricia de Lorenzo, actriz de Chévere, e Paula Cons, directora da película La isla de las mentiras, serán as figuras convidadas da iniciativa os días 18 e 25 de agosto
A revolución das pandeireteiras chega até O Grove no mes de setembro. Tanxugueiras actuará o domingo 6 de setembro en San Vicente do Mar, no mítico local do Náutico, no marco da programación Directos Xacobeo’21. O concerto terá lugar nun horario apto para todos os públicos, como é no horario do aperitivo (13.30 horas), co obxectivo de favorecer a asistencia das máis pequenas e pequenos da casa, habituais nas citas con Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. As entradas para esta sesión estarán dispoñibles nos vindeiros dias na plataforma www.enterticket.es.
A cita de O Grove súmase á lista de paradas da xira de presentación de Contrapunto que o grupo está a celebrar este verán. Logo do seu paso por Compostela e Ribeira (1 de agosto), o grupo visitará Muros (14 de agosto no Curro da Praza, de entrada de balde pero con reserva previa no teléfono 981 762 294) e A Estrada (30 de agosto). Esta última actuación enmárcase no ciclo Solpores no Lagoeiro, cuxas entradas xa están dispoñibles na páxina web https://www.enterticket.es/eventos/tanxugueiras-solpores-no-lagoeiro-732784.
Ademais das actuacións musicais, o grupo mantén este verán a súa actividade constante nas redes sociais, á fin de seguir creando espazos de encontro co público e o mundo da cultura. Así, no mes de xuño xurdiu a iniciativa Mira unha cousiña…, a serie de conversas virtuais con figuras do sector como Xabi Aburruzaga, María Vázquez ou Rosalía Fernández Rial que Tanxugueiras emite todos os martes, ás 21.00 horas, a través dos seus perfís en Instagram, Facebook e Youtube. Esta semana o convidado será o xornalista Alberte Mera, director de Reboiras. Acción e corazón, longametraxe na que as pandeireteiras colaboran na súa banda sonora a través de Autocracia, tema que abre o álbum Contrapunto.
Após a súa presentación o sábado 8 para a veciñanza de Dodro, localidade natal de Reboiras, a película documental proxectarase estes días nas salas de cinema de Galicia, concretamente, en Ferrol, Santiago e novamente en Dodro. Nas vindeiras semanas o filme exhibirase noutras localidades como Ourense, Lugo, Ponteareas, Pontevedra ou A Coruña, tal e como se pode consultar no web www.reboiras.gal.
O mundo do audiovisual e das artes escénicas terá unha presenza moi relevante nestas semanas de Mira unha cousiña… a través das súas figuras convidadas. Así, o 18 de agosto, a actriz Patricia de Lorenzo participará nesta ventá que, desde a particular ollada das Tanxugueiras, mira ao sector cultural. De Lorenzo, membro de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2016), é a gañadora do último Mestre Mateo á Mellor Actriz co seu papel no filme Eroski Paraíso, a adaptación ao celuloide da obra homónima.
Por último, o 25 de agosto, Tanxugueiras conversará coa directora e guionista coruñesa Paula Cons, que vén de estrear na plataforma Filmin a súa longametraxe La isla de las mentiras, traballo que tamén se exhibiu estes días no festival de cinema de Shangai. A película, que conta con Nerea Barros de protagonista, aproxímase, a través da ficción, ao histórico afundimento do Santa Isabel fronte a illa de Sálvora no 1921.