Sabela Ramil, Rodrigo Cuevas, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Gayoso ou Verto son algunhas das figuras que participarán nestes encontros, que terán lugar a través da canle de Youtube durante 15 días
As pandereteiras iniciaron este sábado, 28 de marzo, unha serie de conversas abertas ao público a través da súa canle de Youtube (https://www.youtube.com/tanxugueiras) con artistas, xornalistas e axentes vinculados ao mundo musical sobre o confinamento e a situación do sector cultural. A iniciativa, que se realizará durante 15 días, tamén incluirá actuacións ao vivo.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro poñen en marcha esta acción no marco dun contexto no que, consideran, “as e os artistas temos tamén unha responsabilidade social e podemos aproveitar a nosa visibilidade para reforzar os vínculos de comunidade nun momento tan especial”. O obxectivo, tal e como sinala o grupo, “é abordar unha situación excepcional desde un punto de vista distendido e próximo, compartindo co público como vivimos desde o mundo da música e da cultura este momento”.
As conversas, dunha duración de 30 minutos, poderanse seguir a diario, a través da canle de Tanxugueiras en Youtube, en horario de 13.00 ou 16.00 horas. Entre as persoas convidadas atópanse artistas como Sabela Ramil, Rodrigo Cuevas, Monoulios DOP, Rubén Lino (Poetarras), Verto ou Rubén Sierra, cantante e guitarrista de La Pegatina; actores recoñecidos coma Carlos Blanco ou Xosé A. Touriñán; e presentadores de televisión, como Xosé Ramón Gayoso.
Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro anunciarán o convidado do día seguinte a través dos perfís nas redes sociais de Tanxugueiras
Nestes encontros, cuxa programación e horario se anunciarán cun día de antelación, a partir das 20.00 horas, nas redes sociais de Tanxugueiras (tanto en Instagram coma en Facebook), o trío convidará o público a coñecer como é esta corentena no eido da comunicación, a través dunha conversa coa xornalista da Televisión de Galicia Teresa Cuíñas, e do responsable do programa radiofónico Ábrete de orellas, Pepe Cunha. Tamén coñecerán como pode afectar a Covid-19 ao desenvolvemento dunha viaxe desde Españá até a India en bicicleta cun fin solidario, a través da experiencia de Alex Hohmann. E, precisamente, até o país asiático desprazarase virtualmente o grupo: a través das redes sociais, Tanxugueiras achegarase á situación que se está a vivir na India, estado confinado na súa totalidade, a través do relato de Anusha, a intérprete que acompañou as pandereteiras durante a súa xira asiática.