O grupo dá neste novo tema, unha peza forte e poderosa, un xiro cara a fusión con estilos máis urbanos, como ao trap ou á electrónica, pero mantendo como base a sonoridade da música tradicional.
O músico Carlos Núñez, o bailador Xisco Feijoó, a cantante Aiala e a xornalista Esther Estévez serán os primeiros convidados da nova tempada da iniciativa virtual Mira unha cousiña…, que se emite todos os luns a partir das 21.00 horas.
Tanxugueiras regresa e faino “rachando con todo”. O grupo presentará o vindeiro 5 de febreiro o seu novo single, Midas, un tema enérxico e poderoso no que o trío dá un xiro cara a fusión con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou a electrónica; un camiño iniciado co seu anterior traballo pero que agora explicitan cunha peza que, a ollos das artistas, supón un punto de inflexión na súa carreira.
“Midas é o tema que, neste momento, queremos facer, na procura dunha sonoridade moi persoal, moi nosa, sen controversias e sen prexuízos. Este Midas é Tanxugueiras: somos tres mulleres empoderadas que saben de onde veñen e o que queren. E quen escoite o single, escoitará ritmos urbanos, un sonido moi moderno, pero recoñecerá a base da música tradicional, tan da terra, tan rítmica. Tan nosa”, apuntan as cantareiras.
O lanzamento, previsto nas plataformas dixitais o venres 5, acompañarase dun videoclip “moi moderno e rompedor” producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural que se publicará tamén o propio día 5 de febreiro. Antes, o luns 1, o público poderá ver un pequeno avance (teaser) na primeira emisión da segunda tempada do Mira unha cousiña…, a través do perfil do grupo en Facebook e da páxina web www.tanxugueiras.com.
“Estamos moi contentas con este novo single. Midas é un tema contundente, poderoso e con moito carácter no que levamos traballando moito tempo. Con el chegamos a un extremo da nosa sonoridade ao que non chegáramos até o de agora e que, por suposto, seguiremos explorando”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.
Nova tempada de Mira unha cousiña…
O vindeiro 1 de febreiro, a partir das 21.00 horas, Tanxugueiras iniciará unha nova tempada da súa serie de conversas virtuais Mira unha cousiña…, na que as artistas botan unha ollada á actualidade a través de encontros con figuras do mundo cultural, deporte ou lecer.
O primeiro convidado será o músico Carlos Núñez, co cal o grupo colaborou no programa especial de apertura da Porta Santa interpretando unha versión da Fariña composta por Iván Ferreiro. Á semana seguinte, Tanxugueiras convidará ao bailador, músico e profesor de danza Xisco Feijoó. De cara ao luns 15, a cantante Aiala falará coas pandeireteiras do novo álbum, que sairá á venda o vernes 12, e o papel da música soul e r’n’b no panorama actual. Finalmente, a xornalista Esther Estévez, presentadora na TVG de #DígochoEu, participará no Mira unha cousiña… o luns 22 de febreiro.