As coplas tradicionais, as líricas propias e as sonoridades electrónicas mestúranse, coma no caso de Midas, neste novo tema; que se acompañará dun videoclip que as cantareiras estrearán o día 9 ás 00.00 horas na súa canle de Youtube
Tanxugueiras lanzará o vindeiro venres, 9 de xullo, o seu novo sinxelo: Figa. As cantareiras dan un novo paso no camiño iniciado o pasado mes de febreiro con Midas e avanzan, firmemente, na súa aposta pola proxección do canto e da música tradicional do país a través da súa reformulación a través da súa confluencia con sonoridades electrónicas. Nesta ocasión Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maineiro contan de novo coa colaboración, na produción, de Iago Pico (Pouland Studios).
Figa, cuxo nome remite ao emblemático amuleto contra o mal de ollo, bebe de coplas e simboloxías tradicionais, mesturadas con líricas de creación propia, coa intención de incidir na forza e na capacidade das mulleres á hora de afrontar a súa vida, alén das envexas, medos e críticas derivadas dun sistema marcadamante machista. Con este tema, Tanxugueiras quere rachar novamente cos estereotipos e salientar a caza de bruxas á que foron sometidas as mulleres ao longo dos séculos e que, a día de hoxe, segue a existir en multiples contextos; á vez que poñen de manifesto como agroman, desde o máis fondo, o empoderamento, a sororidade e a valentía feminina.
A canción, que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan que se estreará o vindeiro venres 9, ás 00.00 horas, na canle de Youtube www.youtube.com/tanxugueiras, e que conta coa participación do propio Iago Pico, produtor do tema, como antagonista. O grupo vén de publicar esta mesma mañá o teaser do vídeo, rodado o pasado mes de maio en distintas localizacións da provincia de Pontevedra baixo estritas medidas de seguridade, e no que se avanzan algúns detalles que terán especial relevancia na peza audiovisual, como o lume, a flor da xesta, ou o vestiario e xoiería tradicional galega.