Tanxugueiras continúa a desvelar o seu segundo disco, que se publicará o vindeiro 22 de novembro. O grupo acaba de lanzar un novo single de Contrapunto, álbum de evolución e revolución no que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro experimentan coa tradición ata traela ao seu presente. Con letras de sempre narran historias de agora. O título do novo tema é Perfidia, un canto sobre deslealdade e traizón que, mediante letras recollidas en diferentes puntos do país, constrúen un relato actual da ruptura da confianza na amizade. Dende hoxe día 15, poderase escoitar o novo tema en diversas plataformas dixitais e tamén ver o impactante videoclip do mesmo, gravado en 4:3 na localidade de Pontevedra, e que xa está dispoñible na canle de Youtube da banda.
Perfidia é unha pista máis da nova proposta de Tanxugueiras, que xa adiantou con Desposorio a intención clara que se recolle en Contrapunto: presentar unha sonoridade máis actual e persoal que explore os límites da tradición e introduza influencias máis contemporáneas. Ademais do paso adiante que supón Contrapunto para o seu son, o disco debuxa tamén unha concepción máis complexa nas letras. Así, os dez temas que compoñen o álbum son a cara e a cruz dunha situacións, os sentimentos positivos e negativos que xorden dela. O disco é un reflexo do sentir musical de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro que, xunto con Isaac Palacín, asumiron de comezo a fin a definición artística e musical de Contrapunto. O disco publícase o vindeiro 22 de novembro da man de Calaverita Records e PlayPlan.