O trío galego levará a “revolución das pandeiretas” a todo o mundo.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, un novísimo trío que están revolucionando a música tradicional galega con tan só un álbum no mercado. Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e a música de transmisión oral, Tanxugueiras levan percorrendo os escenarios dende 2016 facendo vibrar cada vez a máis público coa súa maneira de interpretar o folk e a música tradicional galega sempre vinculados ao baile e as “pandeiretas”.
O seu segundo traballo levará por título ‘Contrapunto’ e se publicará este próximo mes de novembro da man de Calaverita Records en colaboración con PlayPlan Cultural.
Co seu álbum de debut ‘Tanxugueiras’, publicado en 2018, chegaron a dar máis de 100 concertos por toda Galicia, con saídas a Asturias, Euskadi, Teruel, Portugal e concertos fóra das nosas fronteiras en lugares tan dispares como a India, Reino Unido (Glasgow e Edimburgo), Cuba ou Suiza.
Ademais do éxito no directo, Tanxugueiras tamén conseguiron o recoñecemento da crítica ao facerse con varios galardóns.
- Gañadoras do premio MIN ao mellor disco en Galego por “Tanxugueiras”
- Gañadoras do premio Martín Códax da Música (premios da música galega) na categoría de folk/tradicional
- Gañadoras do premio aRi[t]mar como mellor canción de Galicia de 2018 por “que non mo neguen”
Con este novo traballo, Tanxugueiras dará un gran paso cara unha maior madurez tanto musical como persoal e grupal.
Estará composto por dez temas nos que priman a transmisión dun sentimento concreto a través das letras e música.
Estes temas, á súa vez estarán agrupados por pares, dos cales un tema de cada parella fala sobre a parte positiva e o outro tema sobre a negativa de unha situación ou un sentimento.