Baiuca e o profesor de canto Pablo Ferradás serán os últimos convidados da primeira tempada de Mira unha cousiña… os luns 7 e 14 de decembro
Tanxugueiras despide o ano como comezou: presentando ao vivo o seu segundo traballo discográfico, Contrapunto. Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro actualizan a súa axenda de concertos con tres novas datas en Narón, Santiago de Compostela e Cerceda; citas nas que o trío amosará a súa aposta e pegada pola renovación da creación colectiva.
A primeira cita terá lugar o venres 11 de decembro no Pazo de Cultura de Narón, na que unha vez máis as cantareiras mostrarán sobre o escenario a enerxía e contundencia do seu directo. As entradas para a actuación, que comezará ás 20.30 horas, pódense adquirir no propio despacho de billetes do recinto. De cara á fin de semana seguinte, Tanxugueiras dará a coñecer éxitos como Desposorio, Perfidia ou O querer cunha sesión acústica en Santiago de Compostela, cidade na que encheron a Sala Capitol o pasado mes de febreiro e a praza da Quintana no mes de xullo, no marco do TradFest. Desta quenda, a cita será o sábado 19 de decembro no Mercado da Estrela, ás 17.00 horas. As entradas para a sesión, que terá lugar na pista cuberta do Centro Don Bosco, xa están esgotadas. Finalmente, Tanxugueiras pechará as actuacións ao vivo deste 2020 na localidade coruñesa de Cerceda. Será o domingo 20 no auditorio municipal, ás 19.30 horas, e as entradas poderanse reservar nos vindeiros días.
Tanxugueiras traballou arreo este 2020 coa finalidade de manter, a pesar das circunstancias, o contacto co público. Unha posibilidade que se abriu, tamén, grazas á intensa actividade que Sabela Maneiro, Aída Tarrío e Olaia Maneiro mantiveron na rede desde o mes de marzo. Entón naceron os TanxuVermús, 15 conversas que tiveron lugar á hora do apertivo, ao longo de dúas semanas, nas que figuras como Guadi Galego, Xosé A. Touriñán ou Rodrigo Cuevas compartiron música ao vivo e confesións coas pandereteiras. Xa no mes de xuño, Tanxugueiras mantivo a súa actividade virtual coa iniciativa Mira unha cousiña…, unha proposta máis vinculada á actualidade na que se abriron a ámbitos como o lecer, o deporte ou mesmo a temática social. Por esta ventá virtual pasaron convidadas como a futbolista Verónica Boquete, a música Cristina Pato, o cantante Nervo ou a escritora Rosalía Fernández Rial, entre outras.
Coa chegada do mes de decembro terá tamén lugar o peche da primeira tempada do Mira unha cousiña…, na que os últimos dous convidados serán Pablo Ferradás, profesor de canto das cantareiras (luns 7), e Alejandro Guillán, o responsable do proxecto musical Baiuca (luns 14), co cal as pandereteiras comparten un fondo interese común, como é o da procura de fórmulas de renovación da música tradicional a través da hibridación con outras sonoridades.
Todas as conversas Mira unha cousiña… emítense os luns a partir das 21.00 horas a través dos perfís de Tanxugueiras nas redes sociais Facebook, Instagram e Youtube, canles nas que os vídeos quedan á disposición do público para a consulta logo da súa emisión.