Tanxugueiras suma un novo galardón para as súas vitrinas, acadando o Premio +Músicas 2023 a Mellor gravación de Músicas do Mundo e Fusión. O seu último traballo discográfico, Diluvio, alzouse na final a propostas como as de La Bien Querida ou Fuel Fandango, obtendo máis dun 60% dos votos do xurado que conformaba os premios.
O Premio +Música é outorgado anualmente pola Asociación +Músicas, unha plataforma independente que promove a figura feminina dentro do sector musical en España. Unha das súas labores principais é a de traballar en favor da visibilidade e a igualdade de oportunidades para o talento musical feminino. Baixo esa premisa nacen os Premio +Músicas, que destacan os mellores traballos musicais entre as artistas femininas do país.
Este novo premio constata o gran momento do grupo galego, que en 2023 gañou xa dous Premios MIN por Mellor álbum de música de raíz e Mellor álbum en galego, un Premio Odeón a Artista revelación alternativo e un Premio da Crítica de Galicia.