Orballo Cultural acollerá o primeiro concerto deste 2021 en Galicia do grupo, que tamén actuará no Goikoorts de Bélxica e no XXVI La Mar de Músicas
As cantareiras participan esta tarde na presentación da súa colaboración con Cruz Vermella, efectiva a través da canción colectiva Palabras que abrazan
Tanxugueiras pisará de novo os escenarios galegos este verán. O trío conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro volverá compartir co público directos rebordantes de enerxía e emocións a partir do sábado 19 de xuño. O reencontro será na Costa da Morte, xa que as cantareiras actuarán na celebración do ciclo de concertos Orballo Cultural en Carballo, cuxas entradas xa están á venda. A xornada, que comezará ás 18.00 horas no Fórum, tamén contará coa participación de Sheila Patricia.
Este encontro na comarca bergantiñana será o inicio dunha serie de citas sonoras que levará ás músicas por diversos escenarios e eventos que se darán a coñecer nos vindeiros días. A axenda de actuacións para este verán está marcada tamén pola participación na edición especial do Festival Internacional de Folk Goikoorts, en Bélxica, no que actuarán o sábado 3 de xullo e como únicas representantes das músicas de raíz ibéricas; e na XXVI edición do Festival La Mar de Músicas, en Cartagena, cita na que compartirán cartel e xornada de directos (20 de xullo) con figuras como Rodrigo Cuevas ou Rufus Wainwright. As entradas para gozar do concerto debut de Tanxugueiras no festival murciano esgotáronse na primeira xornada que saíron á venda.
Estrea da colaboración con Cruz Vermella e Niuss
O reencontro cos escenarios tamén chega acompañado da volta aos estudios. A primeira novidade chegará hoxe mesmo. Este mércores, día 2, o trío participará na presentación de Palabras que abrazan, un tema colectivo impulsado pola Cruz Vermella de Valencia no marco do seu programa Música por la igualdad e no que Aida, Olaia e Sabela colaboraron coa súa voz. A peza, que nace como un canto ao empoderamento, quere ser “un himno por e para todas as mulleres” e darase a coñecer, a través dun videoclip, hoxe ás 18.00 horas. Ademais de Tanxugueiras, neste tema participan artistas como Pupil·les, Zuriñe Hidalgo (Hesian), Flora Sempere (El Diluvi), Laura Esparza, ESTHER, Ester Girona e Niuss.
Precisamente este último, Niuss, o grupo creador da base musical sobre a que xira a canción Palabras que abrazan, será o vindeiro convidado na conversa virtual Mira unha cousiña…, que Tanxugueiras emite todos os luns desde o seu perfil en Facebook. Así, o luns 7, ás 21.00 horas, as cantareiras conversarán cunha das bandas emerxentes de maior proxección de Valencia sobre a súa traxectoria e achegarán curiosidades sobre esta nova peza na que colaboran as pandeireteiras.