A forza de Tanxugueiras vólvese plasmar nun disco. O trío que conforman Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro explora novas posibilidades para a música tradicional galega nos dez temas que conforman o seu segundo álbum, Contrapunto, que se publicará o vindeiro 22 de novembro e no que abordan cuestións actuais a través das letras de cancións tradicionais. Desposorio é o primeiro avance deste regreso á produción de novas cancións tras do recoñecemento acadado co primeiro traballo e no que formularon unha nova maneira de achegarse á tradición da música oral. O tema pódese escoitar dende hoxe en plataformas dixitais e lánzase acompañado dun videoclip ao que se pode acceder dende a canle Youtube da banda.
Tanxugueiras plasman a súa frescura e o seu inconformismo neste novo tema, un canto que reflexiona sobre a situación da muller na nosa sociedade e sobre o seu empoderamento a través de letras tradicionais que se cantan dende antigo na xeografía galega. Unha adaptación respectuosa coa tradición pero que renova o significado das composicións populares e que serve agora para reivindicar a liberdade de elección da muller e lembrar as presións e expectativas sociais que continúan marcando a súa vida. Desposorio estréase hoxe como avance do novo disco, que sairá á luz en novembro da man de Calaverita Records e PlayPlan. O videoclip do single co que Tanxugueiras comezan a desvelar este traballo, un relato coreografiado pola escola de danza Media Punta, é tamén accesible dende a nova páxina web do trío.