Tanxugueiras, moi preto de esgotar entradas para o seu fin de xira no Coliseum da Coruña
Apenas pasaron 72 horas dende que se puxeron á venda as entradas para O DERRADEIRO DILUVIO, como se bautizou a este concerto fin de xira, e a resposta dos fans de Tanxugueiras para celebrar o fin desta etapa das galegas foi espectacular. Tan só quedan xa un 15% das localidades dispoñibles, despachándose o 70% do aforo total do Coliseum nas primeiras 24 horas, e coas entradas para pista tamén a piques de esgotarse.
Como elas mesmas comentaron durante a presentación da data a semana pasada, para a banda supoñía todo un reto celebrar este evento nun recinto con tanta historia musical detrás e polo que pasaron artistas nacionais e internacionais de gran renome. Non en van, son as primeras artistas galegas que se atreven a organizar un concerto no pavillón herculino. “Estamos moi sorprendidas pola resposta da xente, non esperábamos que fose tan rápida e incrible. Sabemos que nos teñen cariño, pero isto é algo incrible. Prometemos devolverlles todo ese cariño”, engaden tras estes primeiros días de nervios e expectación. “Este recibimento motívanos aínda máis para preparar un show que esté á altura e co que todos sintamos que pechamos a etapa de “Diluvio” por todo o alto, coa nosa xente, moitos convidados e moitas sorpresas que aínda non podemos dicir… pero que van ser moi especiais”.
Como forma de devolver parte do cariño e apoio que sempre recibiron por parte das asociacións de música tradicional galega, durante a fin de semana habilitouse unha prevenda con desconto para todas aquelas que quixeran facer uso do mesmo, contactando coa promotora PlayPlan preto de 700 asociacións.
Despois de dous intensos anos nos que a formación convertiuse nun dos nomes de referencia do panorama musical a nivel estatal, ofrecendo máis de 110 actuacións por toda a Península, O DERRADEIRO DILUVIO promete ser unha das noites máis especiais da carreira de Tanxugueiras. Será un show único o que se materializará para unha ocasión que promete ser histórica, e no que non faltarán as cancións que xa son buque insignia de Tanxugueiras como “Terra”, “Averno”, “Pano Corado” ou “Aire”, entre moitas outras. Á celebración uniranse con convidados de luxo Rayden, Rozalén, Muerdo, Guadi Galego,Valeria Castro e Mondra.
As (poucas) entradas que quedan seguen á venda dende a web da banda.
O ritmo non cesa no universo Tanxugueiras e, seguindo estos meses coas últimas paradas da súa xira Midas, pronto se sumarán novas datas e esta mesma semana verá a luz un novo tema en colaboración con Ruth Lorenzo, e próximamente tamén poderemos disfrutar dun novo single xunto a Juancho Marqués.