
Tanxugueiras pechará a Xira Contrapunto 0 28 de novembro no Culturgal
O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o último concerto das cantareiras deste 2021, cuxas entradas sairán á venda o luns 18, ás 12.00 horas, na platataforma dixital www.enterticket.es
A Xira Contapunto chega ao seu fin. O vindeiro 28 de novembro, a partir das 18.00 e no marco do Culturgal, o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá un concerto especial de Tanxugueiras: o peche da xira de presentación de Contrapunto, o seu segundo álbum, xusto dous anos depois do inicio da mesma.

Contrapunto naceu como convicción: as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional. Presentouse como un segundo disco maduro, cheo de matices e renovador, no que Tanxugueiras fiou cinco relatos, cada un coa súa cara e coa súa cruz, nos que cantaron sobre o empoderamento da muller, a amizade, a deslealdade, a liberdade ou a traizón. Singles como Desposorio ou Perfidia, cuxo videoclip foi finalista dos Premios Mestre Mateo, deron boa conta da proposta do álbum, que situou ao trío no epicentro da renovación da escena trad.
Desde a publicación de Contrapunto en novembro de 2019, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro visitaron ducias de escenarios. Xa desde o inicio da xira, cunha actuación por provincia e fóra dos circuitos habituais, Tanxugueiras amosou as súas cartas: o grupo tiña unha proposta diferente e harmónica, que partía da intimidade do escenario para acadar a máxima potencia cunha grande execución vocal. Logo de visitar Mos, Burela, e Celanova, en febreiro de 2020 chegaron a Santiago de Compostela, localidade na que esgotaron todas as entradas da Sala Capitol; un ritmo que mantiveron ao encher os auditorios en Oleiros, As Pontes e Cangas. Mais a chegada da pandemia freou a xira de presentación do disco, que retomaron no TradFest compostelán, e da que deron boa conta neste 2021 por numerosas localidades de toda a península e en citas de referencia como La Mar de Músicas (Cartaxena) ou Goikoorts (Bélxica).
O domingo 28 de novembro, un día antes de que se cumpran os dous anos do concerto de presentación de Contrapunto, temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, mais desta vez as cantareiras estarán acompañadas, sobre o escenario, por grandes voces e instrumentistas da escena galega. Na cita tamén soarán algúns dos seus novo temas, como Midas ou Figa.
As entradas para o concerto especial de fin de xira sairán á venda o luns 18, a partir das 12.00 horas, a través da plataforma dixital Enterticket (15 euros máis gastos de xestión, ou 18 euros na billeteira do Pazo). Ata entón, o público poderá gozar da música de Tanxugueiras fundamentalmente fóra de Galicia, en escenarios como a a Fira Mediterrània de Manresa, o EXIB Música 2021 de Setúbal, o Womex de Porto ou a Fira Trovam de Castellón, entre outros; ainda que tamén visitarán Tui o 19 de novembro. Nestas últimas datas, o grupo actuou en citas como as festas de San Froilán, en Lugo, ou mesmo na primeira edición de Marín é música, evento no que compartiron escenario con Rayden dando a coñecer ao público presente o avance dunha nova colaboración que se presentará nas vindeiras semanas. Precisamente o pasado venres, 8 de outubro, publicouse outra das colaboracións gravadas polas cantareiras este ano: Ràbia, un tema en galego e catalán que cantan co grupo Roba Estesa.

Tanxugueiras estreará o seu novo espectáculo o sábado 16 de outubro na Fira Mediterrània de Manresa
O grupo galego de música de raíz estreará a súa nova proposta sobre os escenarios, nos que se poderán escoitar en directo éxitos como Midas ou Figa
A Fira Mediterrània de Manresa acollerá o vindeiro sábado, 16 de outubro, a estrea do novo espectáculo do grupo galego do momento: Tanxugueiras. O trío que incrementa as revolucións da música tradicional visitará por vez primeira a feira catalá para estrear o seu novo show, unha proposta potente, sen corsés, que inclúe temas como os populares Midas ou Figa, algunhas das súas pezas máis coñecidas, como O querer, e outras cancións que aínda non se publicaron nas plataformas dixitais pero que formarán parte do seu terceiro disco, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.
Desde a publicación do seu segundo álbum, Contrapunto (2019) -un traballo maduro, cheo de matices e renovador, no que as cantareiras propuxéronse explorar os límites das sonoridades de Galicia-, Tanxugueiras demostrou a súa impresionante potencia vocal e a súa capacidade de innovación á hora de incorporar sonoridades urbanas aos ritmos e letras da súa terra: cancións como Albedrío, Midas ou Telo son a proba.
O grupo, conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, bebe da tradición e celébraa. Desde a inmensa riqueza do patrimonio oral galego, transmitido polas mulleres de xeración en xeración, Tanxugueiras ten como meta levar a súa cultura e a súa lingua por escenarios do mundo enteiro, pero sen perder a referencia de ser portavoces dunha nova xeración de cantareiras.
Este 2021 as pandeireteiras actuaron en eventos por toda Galicia, e en cidades como Bilbao ou Cartaxena (La Mar de Músicas). Ademais, colaboraron con artistas da talla de Kiko Veneno, Rayden, Iván Ferreiro, Carlos Núñez, Rodrigo Cuevas, La Pegatina ou Roba Estesa, coas que cantan a recentemente estreada Ràbia; e foron aclamadas polos seguidores de Eurospain- Spain, no marco da súa enquisa “A elección interna”, como favoritas para representar a España en Eurovisión polo seu tema Figa.
Nas próximas semanas Aida, Olaia e Sabela visitarán Portugal ( EXIB Música 2021 de Setúbal e Womex de Porto) e Castelló ( Fira Trovam) e, nunhas semanas, celebrarán o concerto de fin de xira de Contrapunto, xusto cando se cumpren dous anos da súa presentación. Farano o 28 de novembro en Pontevedra e estarán acompañadas por grandes voces da escena galega.

Tanxugueiras achegará ao Womex de Porto e á Fira Mediterrània de Manresa o seu novo espectáculo, que inclúe temas como Midas ou Figa
As cantareiras tamén actuarán no EXIB de Setúbal e na Trovam de Castellón; pero antes visitarán o 12 de outubro o San Froilán de Lugo, do que xa están as entradas esgotadas
Nos vindeiros días o trío dará a coñecer os detalles dos últimos concertos que ofrecerá en Galicia neste 2021 e novas colaboracións con artistas do ámbito estatal
Tanxugueiras amplía o seu calendario de actuacións para os meses de outubro e novembro coa participación en catro das feiras musicais máis relevantes do momento: Fira Mediterrània, Womex, EXIB e Trovam serán as novas paradas do trío conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. As dúas primeiras vivirán a estrea estatal e internacional, respectivamente, dun avance do novo espectáculo do grupo, que se poderá gozar no 2022, e que inclúe éxitos como Midas ou Figa, entre outras novidades.
A primeira parada será o 16 de outubro na Fira Mediterrània de Manresa, un dos grandes eventos da música de raíz. Á semana seguinte, as cantareiras viaxarán a Setúbal para participar no EXIB Música 2021, que terá lugar do 20 ao 22 de outubro. Serán as únicas representantes de Galicia nesta cita profesional. O país veciño será tamén o escenario, uns días despois, da estrea internacional do seu novo espectáculo: Tanxugueiras participará no Womex, o encontro profesional de músicas do mundo máis relevante a nivel internacional, e que terá lugar na cidade de Porto do 27 ao 31 de outubro. Finalmente, o 5 de novembro, o grupo visitará Castellón para dar boa conta da súa música na Fira Trovam, cuxas entradas están á venda desde esta semana.
No ámbito galego, Tanxugueiras continúa a espallar a Xira Contrapunto (a presentación ao vivo do seu segundo disco). A vindeira actuación das pandeireteiras será nas Festas do San Froilán de Lugo o martes 12 de outubro e as entradas xa están esgotadas, tal e como está a acontecer en todos os últimos concertos que o trío está a ofrecer polo territorio (Arzúa, Porriño, Ponteareas, Teo…). De cara ao mes de novembro, celebraranse os últimos concertos deste ano (coma é no caso de Tui o 19 de novembro, entre outras citas), e que o grupo anunciará con detalle nos vindeiros días na súa web oficial, www.tanxugueiras.gal, así como nos seus perfís oficiais as redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. Xunto a estas datas, Tanxugueiras tamén dará a coñecer algunha das novas colaboracións que está a realizar con artistas de ámbito estatal.


Tanxugueiras suma Fira Mediterrànea, unha das grandes feiras da música de raíz, á súa lista de concertos dos vindeiros meses
As cantareiras actúan hoxe en Cartagena, na 26ª edición do Festival La Mar de Músicas, cuxas entradas se esgotaron á hora de saír á venda.
Tanxugueiras segue a sumar novas datas na súa lista de directos para esta tempada. As cantareiras son a nova confirmación da Fira Mediterrànea de Manresa, unha das grandes feiras da música de raíz. O anuncio chega o mesmo día no que as pandereiteiras actúan na 26ª edición do mítico festival La Mar de Músicas, no que comparten cartel, esta xornada, con Rodrigo Cuevas ou Rufus Wainwright. As entradas para escoitar a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro esgotáronse á hora de saír á venda, o que dá conta do interese que o trío está a xerar noutros puntos da península.
Ademais destas actuacións, Tanxugueiras continúa a espallar a Xira Contrapunto (a presentación ao vivo do seu segundo disco) por todo o territorio galego. O vindeiro domingo 25, o grupo actuará nas festas de Moraña; mentres que o día 31 estará na Feira de Artesanía de Mondariz (Pontevedra). De cara ao mes de agosto, as cantareiras visitarán Mazaricos o sábado 7, Vigo (Festival Terraceo, no Auditorio Mar de Vigo, no que actuarán con Kiko Veneno) o xoves 19 ou Noia (na Praza do Tapal) o martes 24.
No mes de setembro, o día 5, terá lugar en Carballo o concerto do Orballo Cultural adiado o pasado mes de xuño; mentres que o xoves 9 chegarán a Vilaxoán como unha das bandasque forman parte do cartel do Festival Revenidas e, xa o venres 10, estarán en Pontedeume.
Todas as datas e actuacións de Tanxugueiras pódense seguir a través da web oficial do trío, www.tanxugueiras.gal, ou nos seus perfís oficiais nas redes sociais Twitter, Facebook e Instagram.

Tanxugueiras aviva a chama da revolución trad co seu novo single, Figa
O novo tema das cantareiras, que se pode escoitar e ver desde hoxe nas principais plataformas dixitais, acompáñase dun videoclip que afonda no compromiso do grupo coa posta en valor e recoñecemento da cultura popular galega
Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade e proposta musical de Tanxugueiras, na que mesturan os ritmos e bases urbanas e líricas propias con coplas e cantos tradicionais
A lumarada da revolución trad está máis viva ca nunca. Ou, cando menos, máis afogueirada. Tanxugueiras presenta este venres Figa, o seu novo single, un tema no que as cantareiras avivan a chama da súa aposta pola transmisión e reformulación da música tradicional a través da súa confluencia coas sonoridades electrónicas e influencias do tempo no que habitan.
A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural, está dispoñible desde as 00.00 de hoxe nas principais plataformas dixitais. Figa, cuxo nome fai referencia ao mítico amuleto contra o mal de ollo, acompáñase dun videoclip marcado por elementos simbólicos da cultura popular, como o sombreiro e o pano tradicional, a flor da xesta, os sapos; a simulación dunha caza de bruxas de épocas máis escuras e a concorrencia, sobre unha pista de baile, da danza tradicional galega con movementos máis actuais. Son as lapas dunha lumarada que, na traxectoria do grupo, marcan a ruta que seguirán proximamente.
Figa é a resposta bailable e rotunda dun grupo que aposta, desde a súa creación, polo empoderamento e capacidade das mulleres de ser donas do seu camiño. A través de coplas tradicionais e líricas de creación propia, Figa pretende, precisamente, incidir na forza e na capacidade das mulleres á hora de afrontar a súa vida, alén das envexas -temática arredor da cal parte e xira a canción-, medos e críticas derivadas dun sistema marcadamante machista. “Anque de min digan, digan, eu non digo de ninguén” cantan Aida, Olaia e Sabela nun tema no que apostan por unha idea de comunidade que vén de lonxe, por unha cultura que se mantén ao tempo que se renova; e no que contrapoñen, ns seus cantos, a irmandade fonte á denteira, a solidariedade fronte ao individualismo.
“Hoxe, cando por momentos parece que arden as lapas da intolerancia, temos motivos para a esperanza. Hai mulleres que coidan e que se coidan, e lazos de solidariedade que son máis fortes que os discursos do odio. Fronte ao ruxe ruxe, empoderamento”, sinala Tanxugueiras.
Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade de Tanxugueiras, na que procuran a proxección do canto e da música tradicional do país mediante o achegamento a outros ritmos, estruturas e bases máis urbanas ou electrónicas. Nesta ocasión Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maineiro contan de novo coa colaboración, na produción, de Iago Pico (Pouland Studios). Precisamente o produtor participa no videoclip como antagonista, tentando enfrontar á masa coas cantareiras.
O videoclip de Figa, dixirido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e con Jordi Lauren na produción executiva, rodouse o pasado mes de maio en distintas localizacións da provincia de Pontevedra, como son a Comunidade de Montes de Salcedo, a nave de Global Setup (Caldas de Reis) e o Pazo de Señoráns (Meis), baixo estritas medidas de seguridade -coa colaboración da Brigada de extinción de lumes de Pontevedra- e medidas de prevención da covid-19. A rodaxe do filme, no que as cantareiras empregaron vestiario e xoiería tradicional de Bulideira, contou coa participación de 90 extras nos planos de lume e de 30 bailadoras como corpo de baile.